A cabeza quente e os pés fríos

Algunha vez nadando na praia e estirar os pés, sorprendícheste de que auga alá abaixo estaba xélida, moito máis fría que á altura do resto do corpo? Seguro que si! Aínda que non o soubeses, durante esta experiencia estabas percibindo unha das propiedades que máis nos interesan aos oceanógrafos e que é de primeira relevancia para os obxectivos do proxecto REMEDIOS, a estratificación.

Todos sabemos que se lanzamos á auga un obxecto o seu destino depende de se é menos ou máis denso que a mesma. No primeiro caso aboiará e vagará placidamente pola superficie, no caso contrario estará condenado a afundirse e, probablemente, quedar no fondo ata que alguén vaia sacalo. Talvez non sexa tan evidente que a densidade da auga de mar non é a mesma en todos os lugares e, sobre todo, a todas as profundidades. A densidade da auga de mar depende basicamente de dous factores, a súa temperatura e a cantidade de sales disoltas (ou salinidade). As augas frías e salgadas son máis densas e tenden a afundir, igual que calquera outro obxecto, situándose por debaixo das augas cálidas e/ou doces. Así, a columna de auga vaise estruturando en capas de menos a máis densidade, e a isto é ao que nos referimos cando falamos de estratificación.

A relevancia da estratificación para a vida do plancto mariño reside en que as diferencias de densidade dentro da columna de auga actúan como unha barreira que dificulta os movementos verticais e o intercambio de organismos e substancias. As capas finas de fitoplancto, sen ir máis lonxe, atópanse moi frecuentemente en zonas en que existe unha grande diferencia de densidade no rango de poucos metros, o que lles proporciona a estabilidade necesaria para desenvolverse e perpetuarse no tempo.

Para poder entender e predicir a formación de capas finas de plancto é necesario estudar cales son os mecanismos que tenden a aumentar ou diminuír a estratificación. A temperatura da superficie mariña está influenciada de maneira moi importante polo intercambio de calor coa atmosfera. Durante o verán, debido ao incremento da temperatura atmosférica e da radiación solar, a temperatura da superficie increméntase, diminuíndo a densidade superficial e aumentando a estratificación. Durante o inverno o efecto é o contrario, e a estabilidade da columna de auga vese xeralmente diminuída. A presenza de auga doce en superficie, debido a descargas fluviais ou a precipitacións, tamén xoga un papel moi importante na xeración de estratificación nas nosas costas, particularmente nos meses en que a estratificación por temperatura non é relevante.

Existe ademais outro fenómeno, máis complexo, que determina en grande medida a estratificación no océano. A turbulencia é un fenómeno común en todos os fluídos en movemento, sobre todo en sistemas naturais como os mares, os ríos e a atmosfera, e consiste nunha serie de movementos caóticos, dificilmente predicibles e sempre presentes, en maior ou menor intensidade. Quen viaxou en avión seguro que o experimentou de primeira man, pero tamén está aí para quen se deteña a contemplar o movemento desapracible e obstinado dun mar axitado. Esta axitación constante sempre ten un efecto destrutivo sobre a estratificación e a estabilidade da columna de auga, fomentando os intercambios verticais e, xa que logo, dificultando a formación de capas finas de fitoplancto.

Así, para comprender e predicir a formación e persistencia de capas finas é necesario poder medir a intensidade da turbulencia e determinar que mecanismos a controlan. Historicamente, realizar esta labor presentou dificultades técnicas importantes, debido á complexidade e ao carácter caótico do fenómeno. Afortunadamente, esas dificultades fóronse resolvendo nos últimos anos e, hoxe, para o proxecto REMEDIOS, contamos con un equipo capaz de darnos esa información: o perfilador de turbulencia ou o simpático “Pumuki”, para os amigos. Coa súa axuda, cada semana cuantificamos a turbulencia na Ría, o que nos permitirá a comprender mellor a súa variabilidade ao longo do ano e a influencia que exerce sobre a vida dos organismos mariños, en particular daqueles responsables da formación de capas finas.

 

Turbulencia e mestura nunha taza de café, imaxes cortesía de Claudia Ofelio

Bieito Fernández Castro